Dous cociñeiros andan ás présas cunha pota de cocido, decididos a convidar o público a tan suculento manxar… mais… oh! Desastre! co despiste das présas, papoulles todo algún lambón…! Non deixaron nin o caldo!
Sen poder convidar o respectable, deciden relatar a través de contos e cancións a mellor receita do mundo para facer o cocido. É necesario coller a auga cun cazo dun pozo que hai nun pazo no Monte do Gozo… un pazo no que vive unha ratiña moi esixente… a carne hai que coidala moi ben no corral de D. Federico, o mellor chef de cocidos do mundo, tan apaixoado pola gastronomía que chega a cociñarse a si mesmo, dando por resultado un caldo de ósos excelente ao padal…
Títeres Seisdedos presenta un espectáculo sen coma no que as nenas e nenos participan cantando e bailando, ó tempo que coñecen novas versións de marionetas tradicionais, enredos sonoros, teatro de obxectos… Todo iso con música en directo e o fondo dunha historia un tanto disparatada. O espectáculo non necesita de grandes requirimentos técnicos, e pódese representar en salóns, rúas, etc.
-
Dramaturxia e dirección: Anxo García, sobre contos e cancións tradicionais e de composición propia.
-
Actores e manipuladores: Anxo García e Carlos Quintá.
-
Música en directo: Carlos Quintá.
-
Escenografía e construción de títeres: Anxo García.
-
Duración: 50 minutos
-
Público: Familiar
Sobre Anxo García Fernández
Anxo García Fernández (Lalín, 1956) é titiriteiro, actor, escenógrafo e director de escena cunha longa experiencia en todos os campos da creación de espectáculos de marionetas. Fundador das compañías Viravolta, Seisdedos e Teatro da Ramboia, compañías que seguen en activo na actualidade. Colabora tamén en varios espectáculos da compañía A Cova das Letras e traballou en diversas ocasións con outras compañías do panorama teatral galego como Os Quinquilláns, Ghazafellos…
É tamén membro activo da asociación Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional galego, dentro da que realiza un intenso traballo de investigación e divulgación sobre a figura de Barriga Verde, os Cristovos e outras formas de títeres tradicionais.
