ESPECTÁCULOS MÚSICA

De Botóns

EN QUE CONSISTE

Carlos Quintá e Pedro Pascual son dous grandes coñecedores do acordeón diatónico. Durante anos levaron a cabo un labor de investigación e desenvolvemento do instrumento por todo o país moi exhaustivo. Nesta obra cumio fan unha viaxe por cento e pico melodías tradicionais de Galicia revisando e axeitando o instrumento a uns arranxos musicais delicados e preciosistas.

Deciden levar o libro de viaxe e ofrecer toda esta experiencia nunha charla, coloquio e concerto, onde amosan a gran riqueza dos documentos gráficos que se atopan dentro da obra, contando anécdotas, historias e outras realidades tanto dos acordeonistas, así coma das melodías que durante toda a presentación van executando.

Descarga dossier

CONTEXTO DA OBRA

Ademais dos autores, a obra conta cunha serie de colaboradores especialistas en diferentes áreas como Benxamín Otero, José Dopico Orjais e o deseñador Misha Bies Golas.

Despois de cinco anos de elaboración nace este traballo, feito desde Galicia cun carácter internacionalista, para que poida chegar a acordeonistas diatónicos e instrumentistas non só da propia Galicia senón da Península Ibérica e Europa (onde o instrumento está a gozar de moito éxito).

No libro non se contemplan as fronteiras políticas, senón as culturais; é por iso que se inclúen tamén pezas dos territorios que nalgún día foron galegos ou non existe barreira cultural (O Bierzo, León, Portugal…).

O libro De Botóns —así se lle chamaba ao acordeón diatónico en moitas zonas de Galicia— consta dunha selección moi escollida de repertorio galego adaptado a este instrumento, cunha parte moi interesante de antropoloxía, onde se engaden fotos (case todas inéditas) de acordeonistas antigos de Galicia (mulleres e homes), así coma unha parte bibliográfica coa orixe de cada música.

O diatónico, un instrumento moderno, vencellado ós cambios socioeconómicos e culturais propios da Revolución Industrial, espállase vertixinosamente por todo o mundo, asentándose nas diferentes culturas populares, entre elas a galega, con gran naturalidade.

Sabemos que é, para quen se achega por primeira vez a el, un instrumento peculiar polas súas singulares características organolóxicas, das que quizais a máis importante sexa a bisonoridade, que é o feito de que un botón comparta dúas notas segundo se cambia a dirección na que movemos o fol. Se a isto lle engadimos a lixeireza do seu xeito (os máis grandes non chegan aos seis quilos) temos un instrumento cunhas particularidades de articulación e expresividade absolutamente xenuínas. Por outra banda, o carácter diatónico da disposición das escalas implica, a priori, que se tocará nos modos nos que vén disposto.

Esta peculiaridade, que limitaba as súas modulacións e versatilidade tonal foi, quizais, xunto con outros factores de carácter histórico, social e económico, unha das razóns de que pasase de ser un instrumento habitual na música popular de principios do século XX na Galicia a ter un uso case testemuñal.

Pedro Pascual

https://pedropascualmusic.com/