Xan Pérez e Carlos Quintá unen as súas experiencias nun novo proxecto de música para o baile, a diversión e a festa. Tomando como punto de partida a música popular da tradición oral, elixen espirse, liberándose de sons pregravados e de propostas escénicas pretenciosas, nun exercicio esencialista, no que o acordeón diatónico, a voz e as percusións móstranse preparados para facer do campo da festa un momento de participación para o público.
Xan Pérez
Comeza no mundo da música tradicional coma gaiteiro ós nove anos da man de Fernando Costas, continuando os estudos no Conservatorio Mayeusis de Vigo co compositor Ernesto Campos. Na ETRAD de Vigo estuda requinta con Xosé Liz e canto popular con Xisco Feijoo. En 2013 grava o disco Pepe do rego co grupo folk Avelaíña. Formou parte de formacións como a Orquesta Folk Sondeseu, as agrupacións folclóricas O Fiadeiro, Traspés e a Banda de gaitas Xarabal. Entre 2019 e 2022 actúa en directo co grupo Los Jinetes del Trópico co que edita o disco Cabalgando pola Ría (autoedición). No 2021 forma parte da banda que acompaña en directo o cantante Nelson Quinteiro. No 2022 grava e actúa en directo tocando percusións e cantando no proxecto Peixe do cantante e bailador Xisco Feijoo.
Dirixiu a charanga da agrupación Traspés e na actualidade é mestre de canto e percusión tradicional nas asociacións Os penediños de Atios (O Porriño); Parada de Vilar de Santos; Zarracós en A Merca e o grupo Os Afoutos da asociación Os muíños de Oliveira. Exerce como mestre de gaita na escola de música de Salvaterra, e no grupo de gaitas de Rairiz de Veiga; mestre de percusión en Agarimo de Torneiros e director da Murga da Buxaina.
